Monday 13 de May de 2024

A Xunta destina máis de 279.000€ a fomentar a promoción da igualdade nos concellos de Bergantiños-Costa da Morte


A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro expuxeron a resolución dos catro programas de axudas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentaron o resultado da resolución das axudas a entidades locais da Xunta de Galicia para o ano 2019 para fomentar e promocionar a Igualdade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Nas bases reguladoras figuran o desenvolvemento dos seguintes programas: fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; apoio aos centros de información ás mulleres e a sensibilización; e información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. En total, na provincia da Coruña a Secretaria Xeral da Igualdade destinará máis de 1,8M€ para as entidades locais de toda a provincia.

Concretamente, estas achegas deixarán na comarca de Bergantiños-Costa da Morte máis de 279.000€ cun primeiro pagamento do 75 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado. O 25% restante librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención.

Serán 4 entidades locais as beneficiadas para a realización de campañas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, cunha achega de máis de 41.000€ (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Corcubión e Ponteceso). Para a posta en marcha de programas de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero recibirá estas achegas o concello de Cabana de Bergantiños cunha axuda de 2.240€.

As concesións para o programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres chegarán a 5 CIM en A Laracha, Carballo, Cee, Muxía e Zas (que agrupan a 10 concellos) cun investimento de apoio ao seu funcionamento de máis de 210.000€, e para as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres contarán cunha achega de máis de 25.000€, 7 entidades locais (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Cee, Corcubión, Fisterra, Laxe e Zas).